Skip to main content

No marco dunha edición co cinema e os totalitarismos como fío condutor, este luns poderemos asistir na sala Mozart do Auditorio de Galicia a unha exhibición especial do documental Acorda. A historia escríbea quen vence, pero outras historias continuaron escribíndose tamén. Marina Carracedo e a cantora Uxía materializan unha idea orixinal do Departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra a través desta emocionante viaxe á memoria da man do poeta e narrador Lois Pérez que reúne algunhas das voces máis representativas de Galicia para ilustrar e acompañar historias de loita e dignidade. Tras da proxección, que comezará ás 19:15 h, terá lugar un coloquio de seguro participativo. A entrada é gratuíta previa retirada de convites.

Na sala Numax ás 19:30 h dará comezo a presentación de Agnès Varda. Espigadora de realidades y ensueños. A xornalista e crítica de cinema Imma Merino (membro do xurado oficial) é a autora desta publicación que inclúe un meticuloso ensaio sobre a obra da gran cineasta e unha ampla entrevista realizada na súa casa de París. Trátase dunha edición de Donostia Kultura e Filmoteca Vasca publicada na súa prestixiosa colección Nosferatu. A presentación acompañará á proxección do filme de Agnès Varda Le Bonheur (A felicidade), e a entrada será tamén de balde previa retirada de convites.

Outro dos filmes a salientar deste vindeiro luns 15 de novembro é, por exemplo, Holy Emy (ás 17 h. no Teatro Principal), de Araceli Lemos, unha apaixonante combinación de tradición e modernidade que vén directamente do Festival de Locarno para enriquecer a nosa sección competitiva Novas/os Cineastas. Á mesma sección pertence No one’s with the calves (Salón Teatro ás 19:15 h.), filme dirixido pola alemá Sabrina Sarabi que foi distinguido co premio á mellor actriz da sección Cineastas do presente tamén en Locarno. Da Sección Oficial Europea poderemos gozar de dúas interesantes propostas como son As ilusións perdidas, de Xavier Giannoli (que dará comezo ás 19:15 h. no Teatro Principal), e Jane par Charlotte, de Charlotte Gainsbourg (no Teatro Principal ás 22 h.), un atraente diálogo entre nai e filla, ambas as dúas actrices, que co paso do tempo lograron entenderse logo de moitos anos de distanciamento. Pola súa banda, e representando á sección de Dereitos Humanos, exhibirase por única vez no festival Ana. Sem título, da cineasta brasileira Lúcia Murat (que dará comezo ás 20:15 h nos Multicines Compostela), outro interesante exercicio de memoria histórica que combina realidade e ficción para reivindicar a memoria das artistas latinoamericanas desaparecidas durante as diversas ditaduras que houbo no Cono Sur.

Outros filmes para non perder deste luns están integrados na sección País Convidado: Suíza, programada por Cineuropa coa colaboración de Swiss Films (caso de Mare, Azor e Zahorí), LatidoAmericano (LXI) e Cinefilias (A ansiedade de Veronika Voss, Querelle ou Tres amigos, as súas mulleres e… os outros).