Skip to main content
  • ‘Volve ao cine. Volve ao mundo real’ é o leit motiv da 34º edición do festival de cinema máis veterano de Galicia que se celebrará entre o 6 e o 22 de novembro en catro salas compostelás

  • As entradas poñeranse á venda a partir de mañá mércores en compostelacultura.gal e no despacho de billetes do Teatro Principal; a organización prega que se use de forma preferente a páxina web

O alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo; a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; e o director de Cineuropa, José Luis Losa, presentaron esta mañá a 34ª edición do festival que se celebrará entre o 6 e o 22 de novembro en catro salas da cidade (Teatro Principal, Salón Teatro, NUMAX e Sala Mozart do Auditorio de Galicia). Nelas poderemos asistir á proxección de 95 películas, das que 43 son de balde, nunha edición que reivindica a asistencia ao cinema como a volta ao mundo real. Na sesión inaugural, que terá lugar este venres 6 ás 19.30 h no Teatro Principal, poderemos ver Druk (Another round), o novo dun habitual deste festival, o danés Thomas Vinterberg. O cineasta asina un filme sobre a falsa tolerancia da sociedade danesa que foi distinguido co premio ao mellor actor (Mads Mikkelsen) no Festival de Cine de San Sebastián.

Malia o actual estado de excepcionalidade, a programación do festival mantén o prestixio de edicións anteriores, coa proxección das películas que recibiron premios e titulares nos festivais de Berlín, Róterdam e, moi recentemente, Venecia, San Sebastián ou Sitges. Da rusa DAU. Natasha á mexicana Nuevo Orden , pasando pola xeorxiana Beginning, que acaparou todo o palmarés de San Sebastián. Iso xunto a filmes revelación do ano, como a francesa 16 Printemps, da novísima Suzanne Lindon, ou La nuit des rois, de Philippe Lacôte. Tamén estreas absolutas en en España como Narciso em férias, co protagonismo de Caetano Veloso lembrando a súa experiencia carceraria durante a ditadura, ou Tengo miedo, torero, adaptación do universo LGTBI do gran escritor chileno Pedro Lemebel.

Esta edición realízase tamén en reivindicación da cultura como ámbito de seguridade. Nesa liña, o Festival viuse obrigado a cancelar esa gran festa do cinema que é o maratón, nin contaremos con xurado novo, e vémonos na obriga de reducir tanto a capacidade das salas coma o número de sesións. O certame contará coas máximas medidas de hixiénico-sanitarias. Ao uso obrigatorio da máscara, desinfección de espazos entre sesións e distancia de seguridade, engádense os códigos QR que permitirán ao público votar polos seus filmes favoritos.

 

Premios Cineuropa 2020

Cineuropa premia este ano á cineasta militante da loita pola memoria e o rol feminino na Historia do noso pais Margarita Ledo. Margarita inaugurou Cineuropa no ano 2007 con Liste, pronunciado Lister, e este ano presentará a sua nova obra Nación. Tamén é premiado o actor ferrolán Javier Gutiérrez, que xa conta con dous premios Goya no seu haber, por La isla mínima e El Autor; e o director e guionista Alfonso Zarauza, autor de filmes ben coñecidos por este festival como son A noite que deixou de chover, que inaugurou Cineuropa en 2008, Encallados (2013) ou A viaxe dos Chévere (2014). Zarauza recibirá o Premio no acto de clausura do Festival, que coincide coa estrea do seu filme Ons.


Seccións

O case centenar de filmes desta edición está organizado nun total de doce seccións: as xa habituais Sección Oficial Europea, Panorama Internacional, LatidoAmericano, Docs Cineuropa, Fantastique Compostela, Panorama Audiovisual Galego, Dereitos Humanos e Cineuropa Miúda; e outras que son novidade, como Morricone, ese descoñecido, A última película. O Cinema no cinema, Cinefilias. Exploración do cinema clásico (que inclúe unha sesión dedicada ao centenario dos cineastas Federico Fellini e Alberto Sordi), e Novos Realizadores.

Podes consultar a programación, coas súas datas e horas, na pestana Programa.

Películas dos mellores festivais

Malia que a pandemia provocou a cancelación ou adaptación de grandes festivais como Cannes, e o retiro case total do circuíto de filmes do xigante Hollywoodiense, esta 34ª edición de Cineuropa conta con títulos imprescindibles exhibidos en festivais como Venecia, Rotterdam, Berlín ou San Sebastián. Baten con forza cinematografías que non adoitan ocupar estes espazos e que reclaman unha máis que xusta posta en valor; así, temos películas procedentes de Indonesia, de Costa do Marfil, de Corea do Sur, Xapón, Xeorxia, China, México, Chile, Brasil, Irán, Palestina… ata un total de 38 nacionalidades diferentes están representados na programación desta edición. Por suposto, o cinema galego tamén ocupará un importante espazo, conformando o 11% do programa completo.

Corenta e nove filmes de cinco continentes competirán polo Premio do Público que decidirán os espectadores coas súas votacións, nunha edición na que as normas sanitarias impoñen un novo sistema de voto a través de código QR. Poderemos ver as películas da temporada, entre as que compre destacar o Oso de Ouro do Festival de Berlín, There is no evil, o Oso de Prata á mellor dirección, The woman who run, o Oso de Prata á mellor actriz e Premio FIPRESCI, Ondina, o premio do xurado da sección Encounters, The trouble with being born, ou o premio á mellor dirección na mesma sección, recibido por Malmkrog. Do Festival de Cine de Venecia teremos o gran premio do xurado, Nuevo orden, o premio especial do xurado, Queridos camaradas, o filme premiado á mellor dirección, A muller do espía, e a Copa Vopi ao mellor actor, Padrenostro. Tamén teremos a oportunidade de ver o filme que arrasou no Festival de San Sebastián, Beginning, gañador, nin máis nin menos que da Cuncha de ouro á mellor película, da Cuncha de prata á mellor dirección, a Cuncha de prata para a mellor actriz e do premio do xurado ao mellor guión.

Nomes propios

Entre os directores europeos cuxa obra se verá este ano podemos salientar a Andrei Smirnov, Andrei Konchalovski, Thomas Vinterberg, Phyllida Lloyd, Isabel Coixet, Cristi Puiu, Christian Petzold ou Fernando Trueba. Do cinema asiático poderemos ver o novo de Kiyoshi Kurosawa, Tetsuya Nakashima, Joko Anwar ou o incombustible Hong Sang-Soo. A forza do cinema latinoamerican poderá comprobarse a través dos filmes de Michel Franco, María Clara Escobar, Natalia Meta, Martin Kraut, ou do novo de Arturo Ripstein, El diablo entre las piernas, que obtivo o premio á mellor dirección no Festival de Málaga.

Contaremos coa presenza de cineastas que nos acompañarán para presentar as súas películas como Javier Rioyo, autor dun necesario documental que reconstrúe a historia do Val dos Caídos titulado Ángeles con espada; ou Manuel Menchón, director de Palabras para un fin del mundo, un filme que analiza a memoria histórica española a través da figura de Miguel de Unamuno. Como xa ven sendo habitual, tamén terá unha presenza potente o cinema galego; ademais dos premiados Margarita Ledo e Alfonso Zarauza, acompañarannos Sonia Méndez, Marcos Nine, Lara Alonso, Pablo Vázquez, Noelia Muiño, Marta Valverde, Ángel Filgueira, Gonzalo E. Veloso e Pablo Fontenla.

Máis que cinema

Ademais das proxeccións, o festival contempla a celebración de varias actividades paralelas, ben de xeito presencial, ben a través de streaming.

  • Encontro con Alfonso Zarauza. Reflexións ao redor do vínculo con Compostela na súa obra.
  • Encontro con Margarita Ledo Andión en torno á incorporación das teorías feministas no universo creativo de Nación.
  • Mesa debate coas novas cineastas: Catro cineastas galegas conversarán sobre a situación da produción cinematográfica do noso país desde una perspectiva de xénero.
  • Presentación do libro Para unha historia do cinema en lingua galega, volume 3. De illas e sereas (editorial Galaxia, 2020), a cargo da súa coordinadora, Margarita Ledo.
  • Encontro entre público e cineastas que presenten os seus filmes.


Entradas e despacho de billetes

As entradas mantéñense a un prezo de 4 euros. Serán de pago as seccións Oficial Europea, Panorama Internacional, Docs Cineuropa (agás A poeta analfabeta), Fantastique Compostela, LatidoAmericano, Novos Realizadores, Dereitos Humanos e Cineuropa Miúda. Para todas as demais seccións a entrada será de balde previa retirada de convite.

Tanto as entradas como os convites poderán retirarse na web compostelacultura.gal e no despacho de billetes do Teatro Principal. Dada a situación sanitaria actual e para evitar as reunións de persoas ás portas dos despachos de billetes, desde a organización pregan que se faga uso preferente da plataforma web e que só se adquiran entradas de forma presencial se é imprescindible. As entradas para esta fin de semana poñeranse á disposición do público mañá mércores 4 de novembro ás 10.00 h. Igualmente as da seguinte semana o luns 9 e as da última semana luns 16, sempre ás 10.00 h.