Skip to main content
  • Un xurado profesional outorgará o primeiro premio Novas/os Cineastas ao que concorren unha ducia de filmes; e que se une á selección do Xurado Novo e ao Premio do Público que completan o palmarés do festival
  • A actriz Verónica Forqué e os cineastas Nadav Lapid e Alberte Pagán recibirán os Premios Cineuropa desta edición, que retoma o Maratón e ofrecerá máis encontros con cineastas que nunca

 

O alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo; a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; o deputado de Cultura da Coruña, Xurxo Couto, e o director de Cineuropa, José Luis Losa, presentaron este mércores a 35ª edición de Cineuropa, que se celebra entre os días 8 e o 24 de novembro en seis salas da cidade (Teatro Principal, Salón Teatro, NUMAX, Multicines Compostela, Museo das Peregrinacións e Sala Mozart do Auditorio de Galicia). Nelas exhibiranse 161 películas, das cales 88 serán gratuítas.

A principal novidade desta edición é o salto do certame a festival competitivo. A sección a concurso nace con doce títulos que chegan con todos os parabéns de Sundance, Cannes ou Locarno. Destes doce, nove serán estrea absoluta en España. Un xurado internacional (integrado por Gabriela Guillermo, directora; Imma Merino, xornalista e crítica de cinema, e o cineasta compostelán Alfonso Zarauza) será o encargado de elixir mellor película, dirección, guión, actor e actriz protagonista da sección Novas/os Cineastas

Así mesmo, o público seguirá elixindo como cada edición o seu filme favorito, que será anunciado na cerimonia de clausura do día mércores 24. Outros galardóns que volven, logo dun ano de obrigado repouso, son os outorgados polo Xurado Novo, composto desta vez por un grupo de catro mozas e un mozo de entre 18 e 25 anos que valorará ao redor dunha vintena de filmes das diferentes seccións.

Premios #Cineuropa2021

Os premios a persoeiros do cinema que cada ano ofrece o festival, recaerán este ano no cineasta israelí Nadav Lapid, na actriz Verónica Forqué e no realizador galego Alberte Pagán. Nadav Lapid é o cineasta máis premiado en festivais internacionais nos dous últimos anos, ao conseguir o Oso de Ouro na Berlinale de 2019, por Synonymes, e o Gran Premio do Xurado en Cannes 2021 con O xeonllo de Ahed, filme que se proxectará trala cerimonia do seu tributo o próximo dia 9.

Na gala correspondente ao premio a Verónica Forqué, o martes 16, proxectarase Kika, de Pedro Almodóvar, co que a actriz acadou o Goya á mellor interpretación, un dos catro que gañou e que a converten na intérprete mais premiada na historia da Academia. E na gala do tributo a Alberte Pagán o xoves 18 proxectarase Bs. As., filme que competiu no Festival de Xixón e no Punto de Vista, entre moitos outros certames.

Seccións

Un total de dezanove seccións aglutinan as 161 películas da programación. Á nova sección competitiva de Novas/os Cineastas e ás xa clásicas seccións oficiais e paralelas, únense este ano a sección temática Cinema e Totalitarismo, 1971. O ano das armas, a Retrospectiva Fernando Fernán Gómez, a Retrospectiva Alberte Pagán e outras seccións moi especiais.

Por unha banda, cómpre salientar a presenza de Suíza como país convidado na programación do festival. Iso permitiranos coñecer de primeira man a forza da produción cinematográfica recente dese país, cunha nutrida representación dos seus filmes estreados este ano en festivais internacionais da relevancia da Berlinale —caso de Azor—, Locarno, con Zahorí, ou San Sebastian, con Spagat. Xunto a esta panorámica do actual cinema suízo, e co soporte de Swiss Films, teremos a oportunidade de asistir de xeito gratuíto a unha ampla retrospectiva dun dos grandes protagonistas das primeiras edicións de Cineuropa, o director de marcado selo autoral Alain Tanner. Esta retrospectiva-tributo estará composta por nove dos seus títulos máis representativos.

Por outra banda, e dadas as singulares circunstancias da pasada edición, na que a capacidade das salas estaba limitada a tan só 30 persoas asistentes, recuperaranse algúns dos títulos máis salientables da 34ª edición do certame, unha escolma de filmes que aínda non foron estreados comercialmente e que, polo tanto, manteñen ese selo de inéditas para o público deste ano.

Outro dos retornos máis agardados é o do maratón, unha gran festa de case doce horas de cinema en sesión continua que foi tremendamente botada en falta polo público da pasada edición. Iso si, tal e como manda a actual normativa hixiénico sanitaria, non se poderá comer dentro da sala durante todo o transcurso do evento.

Cineuropa en Filmin

En concordancia aos novos tempos, o certame tamén porá a disposición do público unha escolma de 16 títulos de diferentes seccións que estarán dispoñibles para o seu visionado na plataforma Filmin.

Actividades

A programación desta 35ª edición de Cineuropa estará completada por varias actividades relacionadas co cinema. Para comezar, haberá máis encontros ca nunca coas e cos autores dos filmes. Logo de tanto tempo de responsable illamento, queremos devolver á nosa cidade ese ambiente cinéfilo tan agardado polo público compostelán cada mes de novembro. Este ano, case unha trintena de cineastas farán escala nosas salas para conversar sobre os seus filmes.

Para analizar diversos temas máis fondamente, celebraranse dúas mesas-debate. Unha delas porá o foco no cinema que abordou os totalitarismos, e a outra estará dedicada á triloxía nacional: a transición política aos ollos de Luis G. Berlanga.

Así mesmo, a xornalista e crítica de cinema Inma Merino, o catedrático de Historia do Cinema Ángel Quintana e o catedrático de Comunicación Audiovisual José Luis Castro de Paz, visitarán o festival para presentar en Compostela as súas últimas publicacións, dedicadas a Agnès Varda no caso de Merino, ao guión de Lorca sobre Viaxe á lúa pola parte de Quintana, e ao cinema de Berlanga a obra coordinada por Castro de Paz.

Outra das citas obrigadas dos últimos anos no certame é o concerto da Real Filharmonía de Galicia, que nesta 35ª edición creará a atmosfera perfecta para gozar do filme O peregrino (1923) de Charles Chaplin cos cinco sentidos. A música, composta polo mesmo cineasta, foi restaurada por Timothy Brock en 2002, quen ademais dirixirá o concerto. A danza tamén ocupará un espazo na programación deste mes de novembro no marco do festival, formulando un suxestivo diálogo entre as diferentes artes. O espectáculo, titulado It’s a wrap (Kubrick is dead), foi creado pola compañía La Intrusa como unha proposta cun forte sentido da fisicalidade ao servizo dunha dramaturxia multidisciplinar.

Información sobre as entradas

As entradas para as proxeccións de pago continúan a un prezo de 4 euros (agás a do maratón que é  de 6€). Pódese mercar un bono de 30 euros que permite o pase a 10 filmes a elixir entre todos os do festival. Tanto as entradas como os convites poderán ser adquiridos na web compostelacultura.gal ou na Zona C, na Praza de Cervantes, a partir deste venres, 5 de novembro, ás 11.00 h