Skip to main content

O Teatro Principal de Santiago de Compostela abre as súas portas este martes 16 de novembro para acoller a entrega do Premio Cineuropa a unha das actrices máis premiadas do cinema español: Verónica Forqué. O acto dará comezo ás 20 h e contará coa presenza da concelleira de acción cultural, Mercedes Rosón, e o alcalde da cidade, Xosé Antonio Sánchez Bugallo.

Verónica Forqué Vázquez-Vigo, nada o 1 de decembro de 1955 no seo dunha familia de artistas, é unha das máis recoñecidas actrices do estado español. Desde moi nova tivo clara a súa vocación e combinou os estudos de arte dramático coa carreira de psicoloxía. A súa traxectoria profesional abrangue máis de 80 personaxes en cinema, teatro e televisión. Na década dos anos 80 proclamouse como unha das actrices de comedia máis salientables, e a súa interpretación de Cristal en ¿Qué he hecho yo para merecer esto? (1984), de Pedro Almodóvar, supuxo o seu salto definitivo á fama. Logo traballou con Fernando Trueba en Sé infiel y no mires con quién (1985) e El año de las luces (1986), traballo polo que recibiu o seu primeiro Goya como actriz de reparto. A carón de Fernando Colomo protagonizou dúas comedias inolvidables: Bajarse al moro (1989) e La vida alegre (1987), pola que obtivo o Goya como actriz protagonista. En 1988 Verónica alzouse cun segundo Goya como actriz de reparto por Moros y cristianos, de Luis García Berlanga. Foi a primeira intérprete feminina en gañar dous Goya na mesma cerimonia, fito que non volvería ocorrer ata 29 anos despois con Emma Suárez.

Co paso do tempo chegaron outros traballos como Salsa rosa (Manuel Gómez Pereira, 1991), ¿Por qué lo llaman amor cuando quieren decir sexo? (Manuel Gómez Pereira, 1993), e Kika (filme co que gañou outro Goya e que poderemos ver na homenaxe que lle renderá este festival) de novo con Almodóvar, con quen xa fixera antes tamén Matador (1986). Os seus papeis no cinema son moi lembrados, pero non o son menos algúns dos que interpretou para a pequena pantalla ou no teatro, onde está centrada desde hai uns anos, con papeis en obras como ¡Ay, Carmela!, Bajarse al moro, La abeja reina, El último rinoceronte blanco ou Shirley Valentine. Mesmo dirixiu a montaxe da obra Adulterios, de Woody Allen, en 2009.

A xornada deste martes tamén contará coa presenza de Martín Barrenechea e Nicolás Branca, directores de 9, que visitan o festival para presentar a súa ópera prima, incluída nas seccións LatidoAmericano e Novas/os Cineastas. A cita con Barrenechea e Branca será na sala Numax ás 20:30 h.