Skip to main content

A 35a edición de Cineuropa chega ao seu fin. Atrás quedan 17 días intensos de cinema, de reencontros perante unha pantalla de cinema. Atrás quedan tamén 161 filmes, 151 longametraxes e 10 curtametraxes, creadas por cineastas de 43 nacionalidades. Mais o festival despídese ao grande, celebrando o cinema do presente e tamén o do futuro, coa lectura do palmarés desta edición nunha cerimonia de clausura que incluirá a proxección do filme de produción galega ¿Qué hicimos mal?, dirixido por Liliana Torres, e coa proxección de varios filmes imprescindibles, incluíndo unha escolma de curtas realizadas no marco de Cinema en curso en escolas e institutos de Galicia durante os cursos 2019-2020 e 2020- 2021.

Ás 18 h deste mércores dará comezo na sala Mozart do Auditorio de Galicia a presentación de Cinema en Curso, un programa de pedagoxía do cinema en escolas e institutos que ten dous grandes obxectivos: propiciar o descubrimento por parte de nenas e nenos do cinema entendido como arte, creación e cultura; e desenvolver as potencias pedagóxicas da creación cinematográfica no contexto educativo. Un dos principais eixos de Cinema en curso son os obradoiros, que se desenvolven con alumnado de entre 8 e 18 anos ao longo de todo un curso, dentro do horario lectivo e son impartidos conxuntamente por un equipo de docentes e un ou unha cineasta. Todos os procesos son colectivos: a documentación e o guión elabóranse entre todo o grupo; durante a rodaxe os cargos distribúense rotativamente de xeito que todo o alumnado desempeña cada unha das funcións (dirección, cámara, sonidista, script…); a montaxe faise alternando o traballo en grupo pequeno e gran grupo. Cinema en curso é un proxecto internacional da asociación A Bao A Qu que en Galicia coordina desde o ano 2012 a Filmoteca de Galicia – AGADIC. O proxecto iniciouse en 2005 en Cataluña e actualmente tamén se desenvolve en Madrid, Euskadi, Valencia, Alemaña, Chile e México. Os cineastas do equipo de Cinema en curso en Galicia son Xacio Baño, Jaione Camborda, Eloy Domínguez Serén, Marcos Flórez, Otto Roca e Ángel Santos.

Pola súa banda, o Teatro Principal compostelán abrirá as súas portas ás 20.15 h para acoller a cerimonia de clausura que porá o broche de ouro a esta primeira edición do certame como festival de cinema competitivo. Alí coñeceremos os gañadores dos premios outorgados polo xurado oficial que nesta ocasión estivo conformado pola realizadora e guionista uruguaia Gabriela Guillermo, a crítica de cinema Imma Merino e o cineasta Alfonso Zarauza. Será o momento de coñecer, así mesmo, os premios concedidos polo xurado novo, que este ano estivo integrado por Alicia Aykan, Ana Moreira, Cristian Silva, Rebeca Fernández e Sheila Dopazo. Por último, tamén coñeceremos o filme distinguido co premio do público soberano do festival.

Tras o remate da cerimonia de clausura dará comezo a proxección de ¿Qué hicimos mal?. Liliana Torres dirixe e protagoniza este filme intimista e reflexivo que conta coa participación galega de Daniel Froiz como produtor, Lucía C. Pan e Xavi Souto como directora de fotografía e compositor da banda sonora respectivamente, e intérpretes como Xulio Abonjo, Melania Cruz ou Héctor Carballo, entre moitos outros.

A programación desta derradeira xornada de #Cineuropa35 completarase coa proxección doutros filmes imprescindibles como Silent night, Coming home in the dark ou Memoria.