Skip to main content

Non hai que ir moi lonxe no tempo. A deriva de réximes a piques de ser considerados liberais e excluídos da lista de esixencias dunha democracia, como Polonia. Ou a dantesca toma do Capitolio polas hostes de Trump en xaneiro –algo que ocupa nada menos que o epicentro da magnífica última entrega de Halloween– precisa dun repaso sobre o cinema que abordou os totalitarismos. E tamén os populismos que lles abriron o camiño. Por iso é polo que a idea–forza desta edición ten o seu contraforte, a modo de laico exorcismo, no cinema que se asomou a eses abismos. A idea dun novo totalitarismo cobra forza non só nos Estados Unidos, senón en Brasil, Filipinas, Rusia, Turquía ou na Europa de Polonia e Hungría. As visións que o cinema deu do totalitarismo e dos populismos que o fermentan serán abordadas polo catedrático de Historia e Teoría do Cinema Angel Quintana, o crítico e programador Martin Pawley e o director de Cineuropa José Luis Losa, nunha mesa-debate con posterior proxección da esencial Molokh, unha das películas importantes de Aleksandr Sokurov. A entrada ao debate, que terá lugar en NUMAX este sábado 13 ás 14:30 h., será gratuíta previa retirada de convites.

A xornada deste sábado no festival tamén estará zarrapicada por presentacións e coloquios como o que terá lugar no Salón Teatro ás 19:15 h. a propósito da estrea de Josefina no certame. Connosco estará o gañador dun Goya pola curta A la cara Javier Marco, quen presenta na súa ópera prima un coidado duelo de soidades encarnado por Emma Suárez e Roberto Álamo. Á mesma hora, o cinema NUMAX acollerá o segundo e último pase de Hechos probados, o documental de Alejo Moreno que pon o foco na historia dun cidadán fronte a tiranía dos mecanismos do Estado e a súa administración, e que devén nunha análise detallada sobre o alarmante envilecemento das garantías cidadás. O guionista e director Ricardo Macián tamén afronta a súa última xornada no festival para presentar Carceller. El hombre que murió dos veces, un documental sobre Vicente Miguel Carceller, un editor comprometido coa liberdade, que co seu semanario La Traca conectou co pobo e mantivo un pulso co poder desde 1909 ata 1939, chegando a ter unha tirada de medio millón de exemplares semanais. En 1940, Carceller e Carlos Gómez Carrera (alias Bluff), editor e debuxante do semanario, serán dobremente silenciados, por un pelotón de fusilamento primeiro e pola censura franquista despois. A cita con Macián e o seu Carceller terá lugar ás 19 h. nos Multicines Compostela.

No que respecta á programación, cómpre salientar os últimos pases de A peor persoa do mundo (filme de Joachim Trier que inaugurou esta edición e que terá o seu último pase no Teatro Principal ás 17 h.); Earwig, de Lucile Hadzihalilovic, que vén de recibir o premio especial do xurado no Festival de San Sebastián (Salón Teatro ás 22:45 h); e Mis hermanos sueñan despiertos, da chilena Claudia Huaiquimilla, que pon o foco nos centros de detención xuvenil e o que alí acontece como responsabilidade colectiva (o último pase terá lugar en NUMAX ás 21:30 h). Tampouco queremos deixar de recomendar a estrea de Libertad, a laureada ópera prima de Clara Roquet que tivo a súa estrea na 60a Semaine da Critique do Festival de Cannes (Salón Teatro ás 17 h.) ou Mass de Fran Kranz un filme valente que busca promover un debate serio sobre o control de armas e a saúde mental, pero especialmente sobre o perdón e a reconciliación como ferramentas de resiliencia social, que poderemos ver no Teatro Principal ás 22:15 h.