• O Teatro Principal contará con tecnoloxía FM para que o público con dificultades auditivas poida gozar das películas que se proxecten no espazo da rúa Nova sen limitacións.
  • As persoas que desexen solicitar este servizo deberán escribir a producion@cineuropa.gal indicando as datas e horarios dos pases aos que asistirán ao longo do festival

Cineuropa dá un novo paso no camiño cara á accesibilidade. Na súa 33ª edición, o festival convértese na primeira cita audiovisual de gran formato de Galicia con accesibilidade auditiva. A gran cita compostelá co cinema contará cun sistema de equipos de frecuencia modulada que permitirá achegar a programación do Teatro Principal ás persoas con discapacidade auditiva.

Grazas á colaboración coa entidade social Acopros, o festival compostelán porá á disposición do público un equipo FM e cinco receptores que facilitarán que as persoas con discapacidade auditiva poidan gozar da programación, ao igual que todas aquelas persoas que teñan perda auditiva ou fagan uso de auriculares. 


Este servizo, que por primeira vez se ofrece nun festival de cine galego, estará dispoñible nas proxeccións que teñan lugar no Teatro Principal ao longo das tres semanas de exhibición de Cineuropa. Para poder facer uso do mesmo, unicamente cómpre que, á hora de comprar a entrada ou retirar o convite, se escriba á dirección de correo electrónico producion@cineuropa.gal, sinalando as datas e os horarios da programación nos que se precisará o equipo no recinto.

 

Esta colaboración coa asociación coruñesa sen ánimo de lucro Acopros, que ten unha longa traxectoria na defensa dos dereitos das persoas con discapacidade auditiva e as súas familias, supón un paso importante no camiño cara a un audiovisual máis accesible e inclusivo. O emprego desta tecnoloxía facilitará que persoas que non poden asistir con regularidade ao cine pola imposibilidade de escoitar a película, poidan volver gozar do sétimo arte nun festival de festivais, como é Cineuropa.

Ademais, Extramundi, entidade social afincada en Compostela que traballa desde a incidencia para a xeración de hábitats máis accesibles, tamén colabora nesta edición de Cineuropa sumando o seu gran de area para a promoción e garante do dereito ao acceso á información.