#CINEUROPA32

Este mércores en Cineuropa, a memoria é presente

14 de Nov de 2018

Cineuropa propón este mércores ata oito filmes que reflexionan sobre a importancia da memoria para a construción da identidade individual e colectiva. Esta idea cruza de xeito transversal a liña programática desta xornada, abranguendo filmes de seccións aparentemente tan dispares como Cinema e Dereitos Humanos, Sección Oficial Internacional ou O presente é muller.

[ Ler máis ]

#CINEUROPA32

Chega a Cineuropa o novo de Lars von Trier, Carlos Reygadas e Guy Maddin

13 de Nov de 2018

Ás 20 h. desta noite, no Teatro Principal compostelán, aterrará o novo desa cita indiscutible deste festival que é o cinema do dinamarqués Lars von Trier. A casa de Jack é a historia dun psicópata protagonizada por Matt Dillon e Uma Thurman que Von Trier utiliza para plasmar unha serie de reflexións sobre a arte e a moral. De seguido, na mesma sala ás 22:45 h. poderán asistir á estrea de The green fog, a particular e estimulante interpretación do director Guy Maddin sobre o clásico de Alfred Hitchcock, Vértigo, utilizando imaxes de películas antigas e programas de televisión. O Salón Teatro acollerá ás 21:45 h. a última obra dun dos cineastas máis honestos da actualidade, que non é outro que o mexicano Carlos Reygadas. Nuestro tiempo é unha obra de amor, unha maneira de tender pontes para reconstruír unha parella despois dunha tempada no inferno. Maxistral na súa moi nobre impudicia.

[ Ler máis ]

#CINEUROPA32

Cineuropa estrea a súa segunda semana con 21 citas cinematográficas

12 de Nov de 2018

A segunda semana do festival dará comezo con un nutrido e heteroxéneo conxunto de filmes para todos os gustos accesibles en 6 salas. A programación iniciarase ás 11:30 h. da mañá no Museo das Peregrinacións cun pase gratuíto de Computer chess, de Andrew Bujalski, filme pertencente á sección Cine e Xadrez. A programación deste interesantísimo ciclo débese á celebración do Campionato Mundial de Xadrez que se está a celebrar estes días na cidade.

[ Ler máis ]

#CINEUROPA32

O novo de Erik Poppe, Desiree Akhavan e Lúcia Murat, entre as grandes citas deste domingo

11 de Nov de 2018

O peor día da historia recente de Noruega tivo varias adaptacións cinematográficas nos últimos meses, entre as cales, sen dúbida, salienta a de Erik Poppe. Con Utøya 22. Juli (exhibida no Teatro Principal ás 17:45 h.) o cineasta logra atrapar sen remedio ao público, que asiste a ese horror tan trepidante como abafador sen poder apartar a mirada. Previamente ao filme de Poppe estrearase Las Vegas (16:15 h. no mesmo Principal), unha cativadora comedia de Juan Villegas que reflexiona sobre o que implica ser pais e do que é ser fillo que fará comezar ao público unha tarde de bo ánimo. Tamén no Principal teremos unha nova oportunidade de ver Un asunto de familia, de Hirokazu Kore-eda (ás 19:30 h), e Apuntes para una película de atracos, de Elías León Siminiani (ás 22 h.), filme moi ben acollido polo público de onte, que lle outorgou un 8,46 de puntuación.

[ Ler máis ]

#CINEUROPA32

Chega a Cineuropa a Palma de Ouro de Cannes: 'Un asunto de familia'

10 de Nov de 2018

O cinema do veterano Hirokazu Kore-eda volve a este festival coa Palma de Ouro de Cannes entre as súas mans. Un asunto de familia (que se proxectará ás 18 h. no Teatro Principal) é, sen dúbida, o mellor Kore-eda dos últimos anos, unha película viva e corrosiva —con moito do cine de pícaros de Berlanga ou Ferreri—, sobre as singulares ocupacións dunha familia aparentemente convencional. De seguido, ás 20:15 h. na mesma sala, proxectarase o primeiro pase de Mi obra maestra, o novo traballo de Gastón Duprat que vén de gañar o premio do público na Seminci. O filme, unha visión paródica do mercado de valores da pintura contemporánea, está protagonizado polos excelentes Guillermo Francella, Luis Brandoni e Raúl Arévalo. Ás 22:15 h, haberá unha nova oportunidade de ver Dogman, o último de Matteo Garrone, que precederá a Marlina, asasina en catro actos, da cineasta indonesia Mouly Surya, unha magnífica mostra de cinema reivindicativo cunha mensaxe directa de sororidade e emancipación feminina transmitida con moita forza.

[ Ler máis ]

#CINEUROPA32

Cineuropa acolle este venres varias estreas ineludibles

9 de Nov de 2018

Este venres celebraranse varias citas cinematográficas ineludibles. Ás 20 h. poderemos ver no Teatro Principal o último filme de Matteo Garrone, autor da exitosa Gomorra. Dogman, que recibiu o premio ao mellor actor no Festival de Cannes, relata un caso criminal real que conmocionou Italia, un salvaxe pulso entre un perruqueiro de cans e un boxeador nun arrabalde romano, nun duelo excepcional dos seus actores, Edoardo Pesce e Marcello Fonte. Ás 22 h. no Salón Teatro comezará a emotiva Deslembro, o novo filme con toques autobiográficos de Flavia Castro. Deslembro céntrase na figura de Joanna —unha adolescente filla dun desparecido pola ditadura brasileira—, e o seu desexilio obrigatorio, que a conecta con esa memoria que lle foi borrada polo paso do tempo, a imaxinación e a información fragmentada. Un relato de iniciación á vez poético e político, entrañable e necesario. Á mesma hora, pero no Principal, comezará The Guilty, un thriller de orixinalidade esmagadora. O sueco Gustav Möeller é quen de soster o ritmo frenético nun suspense xerado desde un espazo mínimo: un policía e un teléfono. De aí, o manexo do son, dos sabios golpes de guión que atrapan e bandean con mestría e sen descanso, no que son imaxes só suxeridas pola conversación.

[ Ler máis ]

#CINEUROPA31

Cineuropa clausura esta edición coa entrega do Premio aos DDHH e dos Premios do I Xurado

27 de Nov de 2017

Este martes poñerase o punto final á 31ª edición de Cineuropa. En 2017, o festival ocupou 22 días dun mes de novembro no que se proxectaron 264 títulos de máis de 50 países en seis sedes compostelás. A cerimonia de clausura estará protagonizada polas/os compoñentes do I Xurado Novo de Cineuropa, sete mozas e mozos que valoraron ao longo destes días un total de 29 filmes e que outorgarán esta xornada os Premios á Mellor Película, Mellor Dirección, Mellor Guión, Mellor Interpretación Feminina e Mellor Interpretación Masculina, amais do Premio Cine e Dereitos Humanos Cineuropa 2017, xurdido a iniciativa do Departamento de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago.

[ Ler máis ]

#CINEUROPA31

Cineuropa lembra a Harry Dean Stanton na súa penúltima xornada

26 de Nov de 2017

Ninguén mellor que o director deste festival para animar á asistencia da estrea de Lucky en Cineuropa, a ópera prima do actor devido en director John Carroll Lynch, que terá lugar ás 18:30 h. deste luns no Teatro Principal. Segundo José Luis Losa: “Ver a Harry Dean Stanton, nonaxenario, seguindo a súa rutina, facendo ximnasia, tomando o seu Bloody Mary no bar que é prolongación da súa vivenda, é xa un agasallo que chama as portas do ceo. Pero, moito máis alá diso, Lucky debuxa un máis que interesante discurso sobre as crenzas relixiosas e o ateísmo. Ofrécenos un poblachón de Texas humanizado -outra maneira de responder á onda Trump- e algunhas aparicións especiais de luxo, como as de Tom Skerritt ou un David Lynch, amigo de longo tempo deste Harry Dean Stanton que se traballa unha pleitesía in memoriam”. O filme de John Carroll Lynch vén de obter os premios á mellor banda sonora e ao mellor actor (Harry Dean Stanton) no Festival Internacional de Xixón.

[ Ler máis ]

#CINEUROPA31

'Les fantômes d’Ismaël', de Arnaud Desplechin, aterra en Cineuropa

25 de Nov de 2017

Ás 18:30 h. veremos aparecer pola pantalla do Salón Teatro a Marion Cotillard, Charlotte Gainsbourg, Mathieu Amalric e Louis Garrel, intérpretes que xa auguran unha sabedeira sesión por si mesmos. Elas e eles protagonizan o novo traballo dun dos cineastas imprescindibles neste festival, falamos de Les fantômes d'Ismaël, do francés Arnaud Desplechin. O mesmo Desplechin describe así o filme: "é o retrato de Ivan, un diplomático que percorre o mundo sen entendelo. É o retrato de Ismaël, un director de cinema que pasa pola vida sen entendela tampouco. É o regreso dunha muller de entre os mortos. E é tamén un filme de espionaxe... Cinco películas comprimidas nunha, como os espidos femininos de Pollock. Ismaël é un frenético. E o guión vólvese frenético con el. Con todo, Ismaël desde a súa bufarda tenta soster o fío da ficción".

[ Ler máis ]