Skip to main content

Varias son as actividades que complementan ás proxeccións de cine nesta 35a edición do Festival Cineuropa, este ano particularmente vinculado ás letras nas súas diversas formas. Para comezar, este venres presentarase o libro de Federico García Lorca. Viaje a la Luna. Edición crítica de Ángel Quintana. Estudo sobre o único guión cinematográfico de Lorca. O libro que se presenta, e que estará dispoñible para a venda na libraría, foi publicado polo Patronato Federico García Lorca da Deputación de Granada. O acto contará con José Luis Losa, director de Cineuropa, e o autor Ángel Quintana, catedrático de Historia e Teoría do Cinema na Universidad de Xirona, autor de numerosos libros sobre cine e crítico da publicación Caimán. A entrada do evento, que terá lugar en Numax
este venres 12 ás 12 h , será libre ata completar a capacidade do espazo.

Na mesma sede terá lugar o vindeiro luns día 15 ás 19:30 h. a presentación de Agnès Varda. Espigadora de realidades y ensueños. A xornalista e crítica de cinema Inma Merino é a autora desta publicación que inclúe un meticuloso ensaio sobre a obra da gran cineasta e unha ampla entrevista realizada na súa casa de París. Trátase dunha publicación de Donostia Kultura e Filmoteca Vasca na súa prestixiosa colección Nosferatu. A presentación acompañará á proxección do filme de Agnès Varda Le Bonheur (A felicidade), e a entrada será de balde previa retirada de convites.

A última das presentacións de libros relacionados co eido cinematográfico será a dedicada á Furia española. Vida, obra, opiniones y milagros de Luis García Berlanga (1921-2010), cineasta, ensaio coeditado pola Filmoteca Española e o Institut Valencià de Cultura con motivo do centenario do nacemento de Luis García Berlanga. Trátase dun traballo composto por dous volumes que analiza a obra dun dos artistas máis importantes do século XX do noso país. No acto participarán os directores da edición, os catedráticos José Luis Castro de Paz e Santos Zunzunegui, e José Manuel Sande, autor xunto a Casimiro Torreiro do estudo Un Berlanga de papel. A entrada será libre ata completar a capacidade da sala.

Outra das suxestivas combinacións de letras e cinema que poderemos gozar de balde é o obradoiro impartido por Gabriela Guillermo titulado «O guión no cinema moderno». A guionista e realizadora uruguaia, autora de filmes como Fan, Una bala para el Che ou El nadador (incluída na sección LatidoAmericano desta edición) aportará as ferramentas precisas para construír un guión cinematográfico. A Zona C, Punto de información cultural, acollerá o obradoiro, que dará comezo o sábado día 13 ás 11 h.