Skip to main content

E a 35ª edición de Cineuropa chegou ao seu fin. O xurado internacional da sección competitiva Novas/os Cineastas outorgou o premio principal á longametraxe iraniana Hit the road. Cualificada pola crítica como unha belísima fábula sobre a perda, os cambios vitais e o malestar do seu país, a ópera prima do iraniano Panah Panahi (fillo do veterano Jafar Panahi) foi distinguida co premio á mellor película polo xurado internacional composto pola directora uruguaia Gabriela Guillermo, a crítica e xornalista catalá Imma Merino e o cineasta compostelán Alfonso Zarauza.

Pola súa banda, o premio á mellor dirección foi para C.B.Yi, autor de Moneyboys, un filme pouco común que representa a homosexualidade en China con gran sensibilidade e calidez. No mesmo apartado, o xurado deu unha mención especial a Clara Roquet “polo ton xusto co que aborda en Libertad a complexidade das relacións humanas nunha sociedade marcada polas diferenzas e privilexios de clase”.

La chica nueva, de Micaela Gonzalo, e Azor, de Andreas Fontana recibiron o premio ao mellor guión “ex-aequo”.

Por último, os premios a mellor actriz e a mellor actor recaeron en Ann Dowd e Jason Isaacs respectivamente, dous do protagonistas Mass, un filme valente dirixido Fran Kranz que busca promover un debate serio sobre o control de armas e a saúde mental.

Palmarés do Xurado Novo

Pola súa banda, o xurado novo composto por Alicia Aykan, Ana Moreira, Cristian Silva, Rebeca Fernández e Sheila Dopazo distinguiu a Gaspar Noé como mellor director pola “sensibilidade, o realismo e o risco formal á hora de retratar a soidade compartida dos protagonistas” en Vórtex.

O premio á mellor interpretación foi para Iván Cáceres, protagonista da cinta chilena Mis hermanos sueñan despiertos, por “humanizar e, ao mesmo tempo, facernos conectar con todos os mozos e mozas marxinados e sepultados baixo cifras”.

A xaponesa Drive my car, de Ryûsuke Hamaguchi, recibiu o premio do xurado novo ao mellor guión por “unha linguaxe plurilingüe, introspectiva pero non resolutiva, chea de dor e soidade”.

O Premio Especial do Xurado Novo foi para Mala sorte no sexo ou porno tolo, do romanés Radu Jude, “pola súa audacia política e a súa habilidade coa ironía, xunto coa provocación contra os prexuízos da nosa sociedade”.

Por último, Alicia, Ana, Cristian, Rebeca e Sheila premiaron a Moneyboys, do chinés C.B. Yi, como mellor película “por unha estética brillante, con xogos na imaxe, que nos mostra unha realidade cruel e marxinal, na que se busca sobrevivir sen perder a dignidade